José María Díaz Díaz-Villamil
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1898 Vilaoudriz, España |
Morte | 25 de setembro de 1936 (37/38 anos) Lugo, España |
Causa da morte | homicidio, ferida por arma de fogo |
Deputado nas Cortes republicanas | |
Representa: Izquierda Republicana 25 de febreiro de 1936 – 2 de febreiro de 1939 Lexislatura: III lexislatura da Segunda República Española Circunscrición electoral: Lugo | |
Gobernador civil da provincia de Zaragoza | |
Gobernador civil da provincia de Huesca | |
Gobernador civil de Málaga | |
Gobernador civil da provincia de Lugo | |
Actividade | |
Lugar de traballo | Madrid |
Ocupación | avogado, político, mestre |
Partido político | Izquierda Republicana |
José María Díaz Díaz-Villamil, nado no Cerdeiral (Vilaoudriz, A Pontenova) en 1898 e finado en Lugo o 25 de setembro de 1936, foi un avogado e político republicano galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Estudou Maxisterio e traballou como mestre en Vilameá. Despois exerceu como Inspector de Primaria en Lugo e estudou Dereito. Durante a ditadura de Primo de Rivera foi encarcerado en Madrid por ser o presidente da Sociedade de Estudantes de Dereito.
Foi un dos asinantes do Pacto de Barrantes en setembro de 1929, polo que se creaba a Federación Republicana Gallega dirixida por Santiago Casares Quiroga, que despois adoptaría o nome de ORGA. Como membro destacado deste partido, organizou a Asemblea Rexional de Lugo de maio de 1932 pola cal a ORGA adoptou o nome de Partido Republicano Gallego, e pouco despois foi nomeado gobernador civil de Huesca e Málaga, e en marzo de 1933 de Zaragoza, sendo Casares Quiroga ministro da Gobernación. En 1934 dimitiu do cargo e exerceu como avogado en Vilalba e Lugo, e pouco despois foi un dos encargados de integrar o PRG na nova Izquierda Republicana, da que será vocal por Lugo.
Nas eleccións xerais de febreiro de 1936 foi elixido deputado pola provincia de Lugo na candidatura da Fronte Popular, sendo o terceiro candidato máis votado na provincia e o primeiro na cidade de Lugo. Ocupou interinamente o cargo de gobernador civil desta provincia durante uns meses. Cando estalou a sublevación militar que deu paso á guerra civil española o 19 de xullo de 1936 organizou a resistencia na cidade de Lugo con Rafael de Vega Barrera e Jacinto Calvo.
Ocultouse nas inmediacións da súa casa natal, en Batinote (A Pontenova), agardando a que o trasladaran a un porto desde onde embarcar rumbo a Cuba. Na madrugada do 25 de setembro de 1936 mantivo unha entrevista cun cómplice nun lugar próximo ao seu refuxio. O colaborador recomendoulle que desistise e retornase ao seu agocho porque non se daban as condicións para a fuga. Detectado o seu regreso por un grupo de gardas civís e falanxistas apostado á espreita, resultou ferido dun disparo e foi rematado cando pretendía fuxir saltando por unha xanela da palleira. Aínda con vida foi trasladado a Vilaoudriz e morreu no hospital de Lugo.[1] O seu domicilio e despacho en Lugo foi asaltado e desvalixado.[2] Foi o único deputado lucense asasinado sen que tivese lugar un simulacro de xuízo.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou con Elena Villamil Santalla.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Segundo fontes militares franquistas, o 20 de xullo conseguiu escapar a Ribadeo, pero foi capturado o 12 de setembro e morreu en Taramundi como resultado duna hemorraxia provocada por un disparo. Segundo Ramón García Piñeiro, as circunstacias reais da súa morte foron ocultadas para protexer ao confidente policial que desvelou o seu paradoiro ou ao colaborador que o traizoou.
- ↑ As primeiras partidas
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Camín, Alfonso (1938). España a hierro y fuego. México: Norte. Arquivado dende o orixinal o 10 de decembro de 2021. Consultado o 09 de decembro de 2021.
- Souto Blanco, Mª Jesús (1998). La represión franquista en la provincia de Lugo (1936-1940). Sada: Do Castro. ISBN 84-7492-891-5.